Eixe 2: Crecemento, organización en rede e participación

Coop57 fundouse en Catalunya, pero a partir do 2005 puxo en práctica un crecemento en rede a raíz do interese que espertara este experimento noutros territorios. A idea foi aproveitar o modelo, a forma xurídica e a estrutura técnica de Coop57, pero aplicando un modelo que permitise que cada territorio se autoxestionase, especialmente na toma de decisións, na admisión de novos socios e na concesión de préstamos.

Con este modelo en rede descentralizado creáronse Coop57 Aragón (2005), Coop57 Madrid (2006), Coop57 Andalucía (2008) e Coop57 Galiza (2009), que se sumaron a Coop57 Catalunya. Noutros territorios (País Valencià, Asturies e Euskal Herria) fóronse creando grupos promotores, algúns dos cales previsiblemente darán lugar proximamente a novas seccións territoriais. Por outro lado, nalgunhas seccións empezouse a impulsar o crecemento en rede “cara a abaixo”, é dicir, a articulación de grupos locais.

Este desenvolvemento descentralizado en rede foi posible grazas a un conxunto amplo de persoas e entidades que o promoveron e xestionou nos diferentes territorios. Sen a implicación e dedicación voluntaria de centenares de persoas, non se entendería Coop57. A nivel operativo, a xestión recaeu nun equipo técnico e profesional reducido, integrado por persoas altamente comprometidas co proxecto, que foi crecendo a remolque do crecemento da actividade de Coop57.

Todo este desenvolvemento e articulación en rede produciuse nuns anos de gran crecemento de Coop57, tanto da base social (entidades socias e persoas socias colaboradoras), coma das achegas xestionadas e dos préstamos concedidos. Non obstante, trátase dun crecemento desigual (os ritmos de crecemento das seccións territoriais foron diferentes) que xerou algúns desequilibrios internos e entre territorios.

Tanto o rápido crecemento de Coop57 coma a envergadura dos retos que temos formulados, pasando pola complexidade societaria, organizativa e operativa pídennos debater e definir colectivamente como temos que afrontar o crecemento futuro e o desenvolvemento en rede de Coop57.

De forma moi breve, situamos algúns dos debates que se formulan:

  • O órgano máximo de decisión de Coop57, como en toda cooperativa, é a asemblea xeral formada por delegados e delegadas elixidos polas diferentes asembleas das seccións territoriais. En ocasións formulouse o debate de se as persoas delegadas teñen que ser só delegadas ou teñen que ser representantes, de forma que, atendendo a como discorra a asemblea xeral poidan cambiar o sentido do seu voto. Que modelo se debe seguir?
  • Por outro lado, que outros mecanismos podemos establecer para resolver os casos en que se adoptan decisións diferentes nas asembleas das seccións territoriais?
  • O órgano de representación e xestión de Coop57, como en toda cooperativa, é o consello reitor que actúa de acordo coas directrices marcadas pola asemblea xeral. As persoas do consello reitor non traballan Coop57 pero a dedicación que require a condición de membro do consello reitor é cada vez maior. Ultimamente, formulouse a posibilidade de compensar economicamente algúns dos cargos do consello reitor para garantir que poidan desenvolver correctamente as súas funcións. É conveniente? Que límites se terían que marcar?
  • Coop57 combina, o feito de ser unha única organización que funciona con criterios comúns e compartidos, cun elevado grao de autoorganización e de capacidade de decisión de cada sección territorial. Isto permite adaptarse mellor ás realidades e necesidades de cada territorio e fomentar a participación e horizontalidade, pero tamén xerou tensións e desequilibrios. Como podemos combinar os diferentes ritmos e as diferentes realidades? Como harmonizar a visión global coas necesidades locais?
  • O crecemento da base social de Coop57 comportou que a situación territorial desta base social supere os ámbitos urbanos orixinarios de cada sección territorial. Aínda así, a práctica totalidade da actividade séguese desenvolvendo nas capitais, de forma que as socias dos territorios máis afastados teñen dificultades para participar. Como podemos facilitar que persoas que residen en lugares afastados das zonas urbanas poidan participar nas asembleas de sección ou noutras reunións? Poden os territorios máis afastados delegar en determinadas persoas a presenza na asemblea de sección? Temos que promover formas de presenza virtual?
  • Máis alá do eixe territorial, formulouse, a raíz de propostas ou inquietudes feitas por entidades socias de Coop57 en diferentes territorios, a posibilidade de habilitar algún tipo de articulación sectorial. Que obxectivos e funcións teñen que desenvolver as articulacións sectoriais? Que requisitos teñen que cumprirse para organizar unha articulación sectorial? Que relación ten que haber entre a articulación territorial (seccións territoriais) e a articulación sectorial?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>